Monday 29 de April de 2024

A Xunta recoñece cos premios Ángela Ruíz Robles os 430 mellores expedientes de grado universitario


— Estes galardóns van dirixidos ao alumnado que obtivese as mellores cualificacións, en primeiro, segundo e terceiro curso de cada titulación

— A distribución de alumnos galardoados, a proposta das propias universidades, é de 173 na de Santiago, 139 na de Vigo e 118 na da Coruña

— Os galardóns estrean nome para homenaxear á mestra ferrolá, referente pola súa dedicación ao ensino e o seu carácter innovador

— A contía dos premios é de 1.100€ por cada unha das persoas beneficiarias

Un total de 430 alumnos de diferentes cursos das titulacións de grao que se imparten no Sistema Universitario de Galicia acaban de ser recoñecidos cos Premios Ángela Ruíz Robles á excelencia académica. Este galardóns, cuxa resolución publica o Diario Oficial de Galicia, van dirixidos aos estudantes con mellores cualificacións no ano académico 2021/22 e concédese un por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao e en cada un dos centros en que se impartan, agás no derradeiro curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira.
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina un orzamento de 589.000€ outorgando 1.100 euros a cada unha das persoas beneficiarias. Ademais, as persoas premiadas que teñen unha nota media igual ou superior a 9 puntos reciben unha contía complementaria de 500€, un total de 232 persoas.
Para poder ser premiado, o alumnado debía contar cunha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo deben ser 60, entre outros requerimentos.
Maioría de mulleres
No total das tres universidades, o 64% das galardoadas son mulleres e o 36% homes. A rama de coñecemento con máis premiados é Ciencias Sociais e Xurídicas (194), seguida de Enxeñaría e Arquitectura (72), Ciencias da Saúde (62), Artes e Humanidades (55) e Ciencias (47).

A distribución de alumnos galardoados, a proposta das propias universidades, é de 173 na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 139 na Universidade de Vigo (UVigo) e 118 na Universidade da Coruña (UDC). No que atinxe aos campus, na USC un total de 135 premiados son do de Santiago e outros 38 do de Lugo. Na UVigo, 67 son do campus central, na cidade da oliveira, 44 do de Ourense e 28 do de Pontevedra. No caso da UDC, 95 galardoados cursan estudos na cidade herculina e os 23 restantes no campus de Ferrol.
No que atinxe ás cualificacións, na USC a máxima nota é un 10 nos graos en Enfermaría (tres premiados), en Física (un premiado), en Dereito (un premiado), en Mestre de Educación Infantil (un premiado), en Comunicación Audiovisual (un premiado), en Bioloxía (un premiado) e en Xornalismo (un premiado). Na UVigo obtiveron tamén a máxima nota de 10 un total de tres alumnos no grao en Educación Infantil e un no grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Na UDC a máxima nota é un 9,8, dun alumno no grao en Estudos de Arquitectura.
Referente no ensino innovador
Este é o primeiro ano no que estes galardóns reciben o nome de Ángela Ruíz Robles, mestra ferrolá de adopción, que foi un exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe, a vocación de servizo á sociedade, idóneos para vencellalos a esta convocatoria de galardóns.
Nada no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol logo de gañar por oposición unha praza de mestra nacional, onde se estableceu para o resto da súa vida. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos.

Foi unha pioneira no eido do ensino e, en especial, na invención dunha enciclopedia mecánica, cuxa patente rexistrou en 1949, e que está considerada o antecedente do libro electrónico. O primeiro prototipo, construído en 1962, deu como resultado un artefacto que permitía, entre outras funcións, formar palabras, oracións e textos a partir da interacción de teclas e dispositivos distribuídos nunha especie de caixa. Ademais de leccións de gramática, cálculo, inglés e francés, era posible a lectura en horizontal e vertical e a inclusión de máis temas.

Ademais deste carácter innovador, na súa traxectoria docente, Ángela Ruiz Robles caracterizouse por unha vocación de servizo desinteresado e compromiso cos seus alumnos e a súa comunidade. Deu moita importancia ao ensino de idiomas, a aprendizaxe intuitiva, o uso de ilustracións e outros recursos docentes novidosos para o seu tempo. Ademais do seu labor como docente e como inventora, escribiu 16 libros dedicados á educación e a pedagoxía centrados no obxectivo de facer o ensino máis áxil e interactivo.